
Moi de cando en vez e cando un non o espera, chegan boas novas. En tempos nos que hai que remar duro contra a crise e o traballo non abunda máis alá do horizonte dos cartos que axudan a pagar hipotecas, hai outros tesouros non pecuniarios máis dignos de ser encontrados, como o atopado na viaxe dalgún neno chamado Simbad.
Francisco Castro lanzou unha botella ao mar hai un tempo e convidoume a ilustrar as palabras que ían dentro, cousa que me encantou. Hoxe chamoume para dicirme que aquel libriño foi encontrado moi lonxe das augas galegas, cousa que me volveu a encantar, e agora está a salvo na Lista de Honra do IBBY para 2012.
Para mín é un libro moi especial xa que fala dunha enfermidade que no momento no que fixemos o libro, apareceu en alguén da miña propia familia. Alégrome de acompañar a Francisco neste libro que tan boas novas está dando. E alégrome de que o seu texto leve esta mención.